A Asociación PuntoGal agradece a acollida feita por galegas e galegos ao Documento Galego de Identidade polo que decide manter indefinidamente na súa páxina web a aplicación para crealo. Despois da enorme repercusión nas redes sociais e os máis de 1.200 DGIs creados dende o 25 de xullo, poderemos seguir creando e descargando o noso DGI na ligazón http://dominio.gal/documento-galego-de-identidade/. Este carné que ten unha finalidade lúdica e festiva, para mostrarnos como como galegos e galegas coa fachenda de pertencer a unha comunidade con lingua e cultura propias, valores defendidos por PuntoGal coa súa loita de anos por conseguir o dominio que identifica a Galicia na rede.

A Asociación PuntoGal anuncia que a aplicación seguirá activa para que poidamos seguir facendo o noso DGI e agradece infinitamente o apoio a esta iniciativa e o recibido sempre de asociacións de base, entidades sociais, empresas, administracións e particulares. O dominio é voso. Orgullosamente voso.