Santiago de Compostela, 27 de maio-. O programa Abre na rede!, promovido por PuntoGal en colaboracion con Dinahosting e Cdmon, recibiu xa máis de 60 solicitudes para a posta en marcha de proxectos en internet. A oferta comprende o rexistro de dominio .gal e unha solución de aloxamento web de balde durante un ano.

Pequenos negocios, iniciativas de recuperación do comercio ou páxinas culturais son algunhas das temáticas que se inclúen nas solicitudes recibidas. O programa, que consta dun total de 100 packs, amplíase ata finais do mes de xuño debido a súa boa acollida.

Entre as propostas recibidas atopamos pequenos comercios de barrio, propostas culturais e de formación, cooperativas agrícolas e negocios de sectores da hostalería e restauración.

Para aproveitar a promoción, as persoas interesadas deben dirixirse á web de PuntoGal (www.dominio.gal/abre-na-rede/), completar e enviar os datos do formulario.

O programa Abre na rede! é unha iniciativa do dominio para apoiar a pequenos negocios, profesionais ou artistas, entre outros sectores, que se viron especialmente afectados pola crise do Covid-19. Ademais, PuntoGal eliminiou temporalmente a taxa de restore para facilitar a renovación dos dominios durante este período.